Venres, 9 Maio de 2025

Medio Ambiente e a Policía local identifican a seis persoas por marisqueo ilegal na praia de Arealonga

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela en coordinación coa Policía Local realizou operacións de control e identificación de persoas por marisqueo ilegal no areal Chapela. Actuacións que atenden o compromiso adquirido polo Concello coa Confraría de Pescadores e o Colectivo de Mariscadoras nunha xuntanza mantida no mes de xullo na que participaron representantes das entidades, o responsable de zona da Policía Autonómica, o xefe da Policía Local a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de medio ambiente Roberto Villar.

Dentro das actividades de control medio ambiental  no medio natural do concello de Redondela, a Concellaría de Medio Ambiente ven de implantar o control e vixilancia periódico das actividades que realizan usuarios e furtivos nos bancos marisqueiros que se encontran nas praias do municipio.

Nas dúas primeiras operacións programadas polo departamento medio ambiental logrouse identificar a seis infractores, incautar un angazo e  bolsas con marisco que estaban agochadas debaixo de táboas, pedras ou algas. O marisco incautado foi devolto o mar polos axentes e membros do departamento de medio ambiente que realizaron o seguimento da actuación.

Apertura de expedientes

O departamento de medio ambiente procederá a apertura de expediente as persoas identificadas e estudará a imposición de medidas disciplinarias que lle permitan as competencias e legalidade vixente  sobres este tipo de infraccións.

Perigo para a saúde pública e a economía do colectivo de Mariscadoras

Este tipo de actividades poñen en perigo a saúde pública pois parte do marisco retirado polos furtivos acaba no mercado negro en grandes cantidades sen ningún tipo de control de tamaño e sanitario, que no caso de Arealonga o marisco precisa ser depurado para o seu consumo. Os usuarios que o retiran para o autoconsumo poñen en risco a súa propia saúde e familiares. Este tipo de actividades que se realizan fora da legalidade están prexudicando a estabilidade económica das traballadoras do mar que día a día se esforzan para ter un sustento no litoral de Redondela.