Mércores, 11 Decembro de 2024

Máis dun milleiro de nenos e nenas participan na Alameda de Redondela no proxecto escolar ‘Espallar Tinta’

Un total de 1.045 alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Redondela participan esta semana no programa Espallar Tinta. A Alameda de Castelao acolle desde hoxe luns e ata o o mércores esta actividade na que participan os colexios de Educación Primaria e Infantil de Redondela para promover a dinamización da escritura e a literatura na infancia.

O Concello de Redondela colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira na organización deste proxecto. Espallar Tinta recolle durante tres días os proxectos de máis de 1.000 nenos e nenas nunha feira na que o propio alumnado dá a m conecer as súas producións escritas (noticias, contos, poemas, regueifas…).

Un xeito de dar visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir. Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”.

O concelleiro de Ensino, Iván Valles, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”.

O Concello deRedondela achega os postos para as exposicións, os equipos de son, asi como o traslado do alumnado ata a Alameda, e colabora na organización xunto coa profesora Jessica Rodríguez Piñeiro, do CEIP de Cedeira a quen Rivas agradece o seu traballo “na organización dun evento desta magnitude”.