Unha colisión frontal entre dous vehículos fixo que tres persoas rematasen feridas, na localidade de Redondela.
A estrada N-550 volveu a ser, onte no mediodía, escenario dun accidente de tráfico. Nesta ocasión, os xestores do 112 Galicia recibiron o aviso ás dúas menos cuarto por parte de varios particulares que informaban de que dous turismos acababan de colidir no punto quilométrico 138, de dita vía, en Cesantes. Nas propias chamadas, as persoas indicaban que os implicados estaban fóra dos vehículos pero que necesitaban asistencia médica.
Ao recoller todos os datos, desde o CIAE-112 comunicóuselle o sinistro aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio.
Logo de actuar no punto, os membros de Protección Civil de Redondela indicáronlle ao 112 Galicia que, finalmente, foron tres as persoas feridas que tiveron que ser trasladadas aos seus centros hospitalarios de referencia.
O persoal de mantemento de estradas e o Centro de Xestión de Tráfico tamén foron coñecedores do suceso coa finalidade de garantir a seguridade da vía.