Venres, 13 Xuño de 2025

Éxito da xornada de concienciación para a adopción de cans organizada polo Concello de Redondela e CAAN

Numerosos veciños e veciñas achegáronse á carpa instalada na praza do Concello solicitando información sobre o proceso de adopción e recibindo as explicacións do persoal técnico de CAAN

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez visitaron na mañá de hoxe, na Praza do Concello, a carpa informativa sobre a adopción de cans, nunha iniciativa conxunta do CAAN, servizo dependente da administración provincial, e a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que xestiona Alberto Álvarez.

Tanto a alcaldesa coma o deputado, amosaron a súa satisfacción polo “gran número de veciños e veciñas que se achegaron a este posto solicitando información detallada sobre o proceso de adopción”.

O persoal do CAAN explicoulle aos interesados e interesadas que o proceso de adopción é totalmente gratuíto, baixo un compromiso escrito sobre o tratamento e coidado axeitados do animal, “que será entregado correctamente vacinado, desparasitado e identificado mediante o microchip”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o deputado Santos Héctor falaron cos veciños e veciñas que se achegaron ao posto informativo

Digna Rivas subliñou a importancia da adopción que “dá aos cans e cadelas unha segunda oportunidade lonxe do abandono e, nalgúns casos, dos malos tratos dos que foron obxecto”. A alcaldesa lembrou que, para as persoas que hoxe non se puideron achegar á carpa informativa, o proceso de adopción pódese facer de xeito doado a través da propia páxina do CAAN (https://caan.depo.gal/) onde, na súa páxina principal, hai un enlace directo para as adopcións.

Os nenos e nenas tamén tiveron papel protagonista nesta campaña e puideron participar en actividades dirixidas especificamente a eles e elas e foron agasallados, como recompensa polo seu interese e participación, cun conto.

Doutra banda, a Concellería de Medio Ambiente aproveitou a iniciativa de hoxe para reforzar a concienciación cidadá sobre a necesidade de que as propietarias e propietarios de cans, recollan os excrementos na rúa e, para iso, entregaron ás persoas que se achegaron ao posto informativo un porta-bolsas para a súa recollida. Ditos porta-bolsas tamén poden obterse na Casa do Concello de Redondela ata o final de existencias.