Domingo, 4 Maio de 2025

Esta semana entrará en funcionamento o semáforo próximo ao colexio de Angorén en Chapela

O Goberno local de Redondela anunciou hoxe a inminente posta en marcha do semáforo situado nas inmediacións do CEIP Alexándre Bóveda de Angorén, Chapela, unha vella demanda veciñal que foi das primeiras accións realizadas ante o entón Ministerio de Fomento polo novo equipo de Goberno.

O semáforo xa está instalado e entrará en fucionamento na vindeira semana e a alcaldesa Digna Rivas non ocultou a súa satisfacción de que o Goberno redondelán “tan so uns meses despois da súa chegada ao Concello, fora quen de dar unha resposta eficaz a unha demanda ‘histórica’ da veciñanza de Chapela”.

Así pois, a “volta ao cole” do alumnado do colexio Alexándre Bóveda de Angorén quedará gravada nos seus recordos como algo moi especial. Por unha banda, por ter superado unha das máis graves crises dos últimos tempos que supuxo unhas “vacacións forzadas” a millóns de escolares. Doutra banda, polo incremento das medidas se seguridade xa que, daquela, estará en funcionamento o semáforo longamente demandado por veciñanza e comunidade educativa.

Cómpre salientar que para acceder ao centro, alumnado, nais e pais e profesorado tiñan que atravesar unha estrada cun grande tránsito rodado –por atoparse practicamente nun casco urbano– e que carecía das medidas de seguridade viaria precisas.

Ademais do correspondente grupo semafórico realizarase unha modificación da sinalización vertical e horizontal actual para a súa adecuación á nova situación.