14.6 C
Pontevedra
Sábado, 4 de Maio de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaDigna Rivas reúnese coa mocidade de 'Axentes do Cambio' para consultar a...

    Digna Rivas reúnese coa mocidade de ‘Axentes do Cambio’ para consultar a súa opinión sobre diversos proxectos

    Digna Rivas subliñou a importancia da participación do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela como interlocutor á hora de valorar todos aqueles proxectos do Goberno local que afecten aos rapaces

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, reuníronse esta pasada semana cos mozos e mozas que forman parte do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela ‘Axentes do Cambio’, aproveitando a reunión quincenal que este mantiña no Multiúsos de Chapela.

    A alcaldesa redondelá quixo coñecer, de primeira man, a opinión da mocidade sobre distintos proxectos que o Goberno local vai poñer en marcha. Nese sentido, Digna Rivas subliñou a importancia deste órgano de representación da mocidade “como interlocutor á hora de valorar todos aqueles proxectos deste Goberno que afecten a mozos e mozas”.

    Entre os proxectos que a rexedora redondelá consultou cos mozos e mozas, está a remodelación do Campito e o deseño da pista de skate a carón da Senda Verde, ámbalas dúas actuacións en Chapela, así como a remodelación duns terreos municipais próximos á Igrexa de Cesantes, co fin de destinalos a espazo de ocio para a xuventude.

    Cómpre salientar que, para fomentar a participación da mocidade e a infancia naquelas decisións e proxectos que lles afecten, a web do Concello disporá, próximamente, dunha canle para que toda a cidadanía, especialmente a menor de 18 anos, poida expresar a súa opinión sobre estes proxectos e contribúa a adecualos o mellor posible aos gustos e necesidades da poboación máis nova.

    Digna Rivas lembrou que un órgano de participación da mocidade e da xuventude “non pode ser un elemento decorativo e simbólico” senón que, “como é este, ten que ser un órgano activo e dinámico de participación, onde a infancia e a mocidade poidan expoñer as súas ideas e proxectos para que o Concello, posteriormente, os poña en marcha”.

    A alcaldesa valorou “o compromiso e traballo” que estaba realizando ‘Axentes do Cambio’ á hora de “estudar os proxectos e de presentar achegas que os melloren”.

    O Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela púxose en marcha a comezos de 2021. Nun primeiro momento, debido á situación de pandemia, facía só xuntanzas en liña, pero xa foi a partir de xuño cando empezaron a reunirse de xeito presencial. Nos seus encontros debaten e fan propostas arredor de temas de interese para a infancia e a mocidade, como o cambio climático, o coidado dos animais, a prevención do acoso e/ou o coidado da saúde mental. O seu obxectivo é traballar a prol da infancia e adolescencia redondelá, e adoptar un papel proactivo de cara a facer propostas á Corporación e como órgano para a rendición de contas.

    No pasado mes de xuño adoptaron o nome de Axentes do Cambio, co que se recoñecen a partir de entón. Na rede social Instagram teñen perfil, co nome @axentesdocambio: https://www.instagram.com/axentesdocambio/.

    O grupo está aberto á incorporación de calquera rapaz ou rapaza de entre 8 e 18 anos que resida en Redondela. Para calquera información podedes contactar no correo electrónico participacioninfantileadolescente@redondela.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.