Domingo, 4 Maio de 2025

Cruz Vermella en Redondela atende a máis de 400 persoas na súa atención fronte á pandemia, con máis de 1200 intervencións

O Plan Cruz Vermella RESPONDE é unha intervención integral fronte á Covid-19 a través de accións nas áreas de socorros, inclusión social, saúde, educación, e emprego

A principios de 2020, Cruz Vermella poñía os cimentos do que sería a maior operación
de toda a súa historia en canto a mobilización de recursos, capacidades e persoas.

Ante o incipiente impacto da COVID-19, a Organización humanitaria intensificaba a súa actividade coas persoas máis vulnerables a través de iniciativas como unha campaña especial de seguimento telefónico na provincia a máis de 14.000 persoas dos seus programas, identificadas como especialmente vulnerables ante o virus, co fin de informar, axudar e detectar novas necesidades.

Cruz Vermella poñía ao dispor das autoridades sanitarias todos os seus recursos humanos e loxísticos, acompañando a persoal sanitario, recollendo mostras, trasladando a persoas afectadas ou ofrecendo tamén os seus equipos de apoio psicosocial. Activaba campañas de comunicación e de sensibilización en todas as súas canles, ofrecendo a toda a sociedade cursos abertos e gratuítos sobre o COVID-19 e reforzaba a súa distribución de alimentos e kits de primeira necesidade.

De maneira simultánea, a Organización humanitaria deseñaba e preparaba un plan integral capaz de responder o impacto dun virus que comezaba a afectar a todos os ámbitos e a todas as persoas, unha resposta que contemplaba as 5 áreas de actuación: socorros, saúde, inclusión social, educación, emprego.

Cifras en Redondela

Desde o primeiro minuto, en socorros Cruz Vermella puxéronse ao dispor das autoridades sanitarias e municipais coa instalación de albergues temporais para persoas sen fogar. En Vilagarcía instalouse un albergue provisional en Fexdega; en Pontevedra, no Multiusos da Xunqueira; e en Vigo, no pavillón de O Berbés, en colaboración cos Concellos de Vilagarcía, Pontevedra e Vigo respectivamente.

Na área de inclusión social, durante o confinamento inicial, fíxose entrega de produtos de alimentación, produtos básicos de primeira necesidade e medicamentos. Foi clave para asegurar a protección das persoas, e desde entón, estas necesidades seguen aumentando progresivamente, chegando a máis de 105 persoas na zona de Redondela.

Na área de saúde, a Organización atendeu a máis de 222 de persoas na comarca con información, medidas preventivas, entrega de medicamentos e máscaras e ante a necesidade de apoio psicosocial, creouse a nivel nacional ‘Cruz Vermella Escóitache’, un servizo con 13 protocolos de atención que axudou xa a máis de 5.000 persoas que sufriron na súa propia pel as consecuencias da pandemia, porque perderon a seres queridos sen poder despedirse, forman parte do persoal sanitario na primeira liña ou perderon o seu emprego.

En educación, a Organización desenvolveu rapidamente pílulas en liña formativas e informativas sobre a Covid-19 que tiveron un gran impacto, sendo vistas e realizadas por máis de 600 persoas. E respecto aos nenos e nenas dos programas de éxito escolar, a necesidade e dificultade de continuar en liña a súa educación por non dispoñer de conexións nin dispositivos, levou á Cruz Vermella a entregar material, que lles permitiu manter o contacto cos seus referentes educativos, así como o apoio nas tarefas escolares realizando entregas de material didáctico a 27 menores e realizando apoio escolar con 15.

En canto á economía e o emprego, dentro do Plan Cruz Vermella Responde, grazas ás alianzas e ao traballo dos equipos de Cruz Vermella en Pontevedra realizáronse 41 orientacións, formacións, intermediacións laborais e ofertas en mercados inclusivos.

Respecto ao perfil das persoas atendidas, o 63% das persoas atendidas son mulleres; o 35% ten idades entre 25 e 59 anos e as persoas maiores de 60 anos representan o 33% da poboación. En relación aos perfís das 22 persoas voluntarias, o 77% son mulleres e destaca o grupo de idade de 25 a 39 anos.

Retos do Plan Cruz Vermella RESPONDE este ano 2021

A partir de agora, e dado o impacto socioeconómico da crise en ámbitos como a pobreza, a exclusión social e o desemprego, intensificarán a súa resposta en ámbitos como a mellora do acceso ao mercado laboral e o apoio a menores en idade escolar co fin de facer fronte á fenda dixital que afecta á poboación máis vulnerable, garantindo así o acceso á educación, e tamén ocuparanse do impacto psicosocial que está a deixar esta crise, estes serán os novos retos que se expón a Organización humanitaria neste segundo ano da pandemia.