Sábado, 3 Maio de 2025

«Contos arredor do lume», contacontos para toda a familia no parque do Piñeiral de Chapela

O venres 10 de xuño, ás 19:00 h, a Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela, organiza un contacontos no parque do Piñeiral dirixido a público de todas as idades aínda que se recomenda que os cativos vaian acompañados polas súas familias.

Contos arredor do lume quere “aproveitar a caloriña e o bo tempo do verán para gozar da literatura oral nun fermoso miradoiro natural” da man da narradora Alba Grande que achegará contos de tradicións populares que falarán de lumes grandes e pequenos, de fragas e paxaros e de cobras e mulleres. Contos que tamén falan de igualdade, de coraxe e solidariedade, así como da chama interna que precisamos para andar o noso camiño. Contos que son, ademais, un fermoso alegato sobre o coidado da natureza.

A asistencia a actividade –incluída dentro do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia, e cofinanciado polo Concello de Redondela–, é totalmente de balde e non precisa inscrición previa.