A Asociación Érguete e o Concello de Redondela organizan, o vindeiro martes 14 ás 18.30 horas no auditorio do Multiúsos da Xunqueira, unha charla sobre A pegada das TRIC na adolescencia, impartida polo profesor titular da área de metodoloxía das ciencias do comportamento da USC, Antonio Rial Boubeta, e con entrada de balde ata completar aforo. As inscricións realizaranse a través do cuestionario online https://forms.gle/hNRbmEPdEnN7Ypx16.
O profesor Boubeta, unha das grandes referencias a nivel estatal sobre a relación entre novas tecnoloxías e mocidade, considera que o uso de redes sociais como Tik Tok ou Instagram dende idades temperás “pode levar da man importantes problemas emocionais e estar na base do aumento das taxas de depresión infanto-xuvenil ou de ciberacoso”. Para o estudoso “adoptar unha actitude alarmista diante desta nova problemática resulta igual de contraproducente que mirar cara outro lado”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, animou á veciñanza a asistir a esta conferencia “para poder entender mellor a maneira na que os nosos fillos e fillas utilizan e se relacionan coas novas tecnoloxías”. A importancia que o Goberno local redondelán dalle a todo o que teña que ver coa mocidade e as novas tecnoloxías quedou reflectido nas charlas que, con motivo do 25N, desenvolveu nos institutos do municipio baixo o lema Non deixes que te enREDen, e que alertaba sobre o acoso, control e violencia psicolóxica que se pode exercer sobre as mozas a través de internet ou programas de mensaxería instantánea.
A coordinadora de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, apunta “a necesidade” dunha actividade como esta xa que diversos estudos destacan que as chamadas Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación (TRIC) teñen “un impacto realmente importante na vida das e dos adolescentes, ben a nivel de saúde mental, de estilo de vida e de saúde en xeral, de convivencia familiar, ou mesmo dando lugar a novas formas de adicción recoñecidas xa pola OMS, como no caso dos videoxogos ou das apostas en liña”.
Para máis información, interesadas e interesados poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico [email protected] ou ao teléfono 986 250 240.
Tanto a Asociación Érguete coma o Concello de Redondela agradecen a colaboración de Caixabank para a realización desta charla.
Continúa aberta a inscrición para a charla sobre a pegada das novas tecnoloxías na mocidade organizada polo Concello e Érguete
A actividade estará a cargo de Antonio Rial Boubeta, profesor da USC e unha das grandes referencias a nivel estatal sobre a relación entre novas tecnoloxías e mocidade