Domingo, 4 Maio de 2025

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Redondela

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección de mosquito tigre no concello de Redondela.

Grazas á difusión que Xunta e Concellos están a facer da colaboración cidadá para o control deste vector, foi a través da aplicación Mosquito Alert como se notificou a presenta do insecto para que entomólogos de ReGaViVec o identificasen como mosquito Aedes albopictus.

Polo tanto, o Concello de Redondela, ao igual que o de Cangas como estaba previsto,  sumarase aos de Moaña e Vigo como integrante do comité técnico do mosquito tigre na reunión que se desenvolverá por vía telemática este xoves.

De maneira preventiva, para reforzar o coñecemento sobre o control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade organizou a pasada semana unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, á que xa asistira o Concello de Redondela.

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados non eran portadores. Por iso, lémbranse pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.