Dende o pasado día 1 de setembro, o Concello de Redondela, a través da Concellería das Persoas Maiores que xestina a alcaldesa Digna Rivas, en colaboración con AFAGA, vén de retomar as actividades do Programa de Estimulación Terapéutica que se desenvolverán no Multiúsos da Xunqueira en Redondela, e no Multiúsos Piñeiral do Crego, de Chapela.
Para o inicio das actividades, durante a segunda quincena do mes de agosto AFAGA, en coordinación coa concellería de Servizos Sociais desenvolveu entrevistas coas familias de cara a explicar os protocolos e as medidas de adaptación destes obradoiros á nova normalidade.
Asemade realizáronse tamén entrevistas de valoración individuais coas persoas usuarias coa finalidade de comprobar os cambios –na maior parte, agravamento– do seu estado tras os meses de confinamento.
As novas solicitudes formuladas durante a suspensión da actividade a consecuencia da crise sanitaria pola COVID-19, foron derivadas para que o persoal de Afaga puidera realizar a oportuna valoración técnica de cara á inclusión de novas persoas nos obradoiros.
A concelleira de Persoas Maiores, a alcaldesa Digna Rivas, agradeceu o traballo desenvolvido polo persoal da Concellería de Servizos Sociais e persoal responsable de AFAGA “que durante moitas semanas estudaron e coordinaron todos os detalles para facer posible este reinicio da actividade e que se poida desenvolver nunhas condicións óptimas de seguridade e hixiene para todas as persoas participantes”.
O Programa de Estimulación Terapéutica desenvolverase os luns e mércores, de 10:30 h a 13:30 horas no Multiúsos da Xunqueira en Redondela e os martes e xoves, no mesmo horario, no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos teléfono 986 22 97 97 de AFAGA ou ao 986 40 26 08 dos Servizos Sociais de Redondela. Tamén poden solicitar máis información no correo electrónico [email protected]