Sábado, 3 Maio de 2025

Completada en Cesantes a primeira regata da tempada de Kitesurf

O Trofeo Letras Galegas, organizado polo TMKiteClub, supuxo tamén a inauguración do primeiro circuíto autonómico da modalidade

Gran xornada de regatas onte luns, día 17, en Cesantes coa disputa do Trofeo Letras Galegas. Aínda que durante as primeiras horas do día todo apuntaba a que o vento non o ía a poñer nada fácil, finalmente a enseada de San Simón ofreceu boas condicións para a práctica do kitesurf e a Organización puido completar as tres probas programadas para a clase Foil e dúas para Surf e Twintip.

Os primeiros en inaugurar a clasificación do Trofeo Letras Galegas foron os Foil, que cuns 10-12 nós de intensidade do vento escoitaron o primeiro bocinazo de saída ao fío das 16:00 horas. Justo Fernández, con tres vitorias e un total de tres puntos, foi o gran vencedor da categoría por diante de Iván Manuel Fernández, que foi segundo na xeral tras cruzar a liña de chegada en segunda posición nas tres mangas completadas. O terceiro posto do podio ocupouno nesta ocasión Tato González con dous terceiros e un cuarto posto.

Finalizadas as tres probas de Foil chegaba a quenda das outras dúas categorías en liza, que disputaron dúas probas na enseada de San Simón antes de que o vento volvese caer cara ao final da tarde.

[su_image_carousel source=”media: 37128,37132,37130,37129″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na clase Surf, o Trofeo Letras Galegas leváballo José Ríos ao anotarse dúas cómodas vitorias parciais xusto por diante de Lucas Muller, que sumou dous segundos para finalizar no segundo caixón do podio na xeral. Por detrás, o terceiro posto na clasificación foi para Francisco Costas con dous terceiros nas dúas probas completadas.

Pola súa banda na categoría Twintip o triunfo foi a parar a mans de Iván Carballo, que tamén asinaba dous primeiros postos na súa clase. Por detrás, o podio estivo máis que rifado con triplo empate a sete puntos, resolvéndose o desempate a favor de Álvaro Visier en segunda posición, Francisco Naranjo no terceiro posto e cuarto foi Roberto Martínez. E finalmente, en Twintip Feminino, a vitoria final levoulla Marta Cabo.

Con estes resultados inaugurouse tamén a clasificación do primeiro circuíto autonómico de kitesurf, que terá a súa segunda proba puntuable no IV KiteFest os días 10 e 11 do próximo mes de xullo, tamén na enseada de San Simón e organizada polo TMKiteClub e o Concello de Redondela.

O Trofeo Letras Galegas contou coa colaboración de Nos Atún, patrocinador do TMKiteClub, e Fornelos Wake Club.