Mércores, 7 Maio de 2025

Comezan as obras de rehabilitación integral do edificio do antigo conservatorio de Redondela

A alcaldesa Digna Rivas salienta que non se trata “dun simple lavado de cara” senón dunha rehabilitación e remodelación integral “que pon en valor un importante elemento patrimonial e ofrece a veciñanza un novo espazo cultural”

O Concello de Redondela iniciará, nesta semana, as obras de rehabilitación integral do edificio do antigo conservatorio, situado na rúa Isidoro Queimaliños, traballos que teñen un prazo de execución aproximado de 6 meses e se inclúen nas liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural e a creación de novos espazos culturais.

“Non se trata dun simple lavado de cara –afirma a alcaldesa Digna Rivas– senón dunha rehabilitación e remodelación integral no máis amplo sentido da palabra xa que, por unha banda, permite a recuperación e posta en valor dun importante elemento do patrimonio arquitectónico redondelán e, por outra, conséguese un novo espazo para o desenvolvemento de actividades culturais”.

As obras permitirán afectarán tanto ao interior como exterior do inmoble. No exterior, amais de rehabilitar as fachadas, mellorarase a cuberta e a carpintería exterior. No que ao interior fai referencia, redistribuiranse os espazos para dar cabida aos servizos que albergará e adaptarase todo o inmoble á normativa vixente de accesibilidade e seguridade.

Unha vez rematadas as obras, o inmoble acollería, no primeiro andar, as Oficinas de Turismo adaptadas a todas as normativas de accesibilidade, mentres que na planta baixa, habilitaríase un espazo de usos múltiples para desenvolver actividades e eventos co fin de poñer en valor o acervo cultural do municipio. A maiores da antedita Oficina de Turismo, tamén quedarían situadas no inmoble os servizos de Cultura e Normalización Lingüística.

Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

Para a alcaldesa Digna Rivas, a rehabilitación non afecta soamente á estrutura e distribución do inmoble “senón tamén á función á que estaba destinado, polo que á reforma e mellora exterior, engádese unha reestruturación de espazos interiores para facelo operativo, dinámico e, ao mesmo tempo, máis accesible e seguro”.