Sábado, 3 Maio de 2025

Comeza o programa “Quédome con Simona” de Redondela

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela inaugura hoxe o Programa Quédome con Simona, coa finalidade de proporcionar un recurso socio comunitario de apoio ás familias redondelás que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais.

“O programa está enfocado de forma transversal e completa a oferta social e educativa do Concello de Redondela que sempre ten a intención de ensinar dende a igualdade”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Un/unha profesional especializado en ocio e tempo libre ecargarase de atender as nenas e nenos, co engadido de entretelos a través de xogos e actividades lúdicas e educativas, a cargo de Imaxina Educación, servizo financiado con axuda da Xunta de Galicia. Prohibirase a entrada á aula de aparellos electrónicos (tales como tabletas, móbiles ou videoconsolas) ou xoguetes propios da/do menor.

A intención é favorecer a vida laboral, familiar e persoal , “somos conscientes do problema que teñen algunhas persoas para atender os fillos e fillas cando teñen problemas económicos, están en situación de demanda de emprego ou forman parte dunha unidade monoparental e teñen complicacións apra acudir a citas médicas “, engade Rivas.

O servizo prestarase dende o 2 de novembro de 2022 ata o 5 de xaneiro de 2023, de luns a venres, os días hábiles entendéndose como tales os acollidos na normativa correspondente pola que se establece o calendario laboral oficial para o ano en curso e sucesivos no ámbito do concello de Redondela.

O programa desenvolverase en horario de 16:00 a 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira de Redondela. O servizo poderá solicitarse polo tempo que sexa necesario, respectando o intervalo horario de prestación do mesmo, ata cubrir un máximo de 15 prazas. “Este servizo consiste nunha axuda dinámica e puntual, polo que non se pode empregar para un uso continuado salvo causa xustificada e aceptada polo Concello de Redondel”, conclúe Rivas.

Requisitos e método de inscrición

Para poder solicitar o servizo deberanse cumprir algunha das seguintes casuísticas: motivos laborais, participación en cursos de formación para a mellora da empregabilidade e a inserción laboral, realización de entrevistas de traballo, situacións puntuais de emerxencia familiar, obrigación de acudir a citas de ámbito xudicial, psicolóxico, social, sanitario ou educativo ou participación en actividades de participación social.

As solicitudes deberán ser tramitadas polas unidades familiares que precisan o Programa, dando prioridades ás vítimas de violencia de xénero, familias monomarentais ou monoparentais, mulleres en situación de desemprego para a realización de accións formativas ou busca de emprego ou mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan cargas relacionadas co coidado.

A inscrición realizarase no Centro de información á muller (CIM) do Concello de Redondela de maneira presencial. No caso de quedar vacantes, a inscrición poderase realizar no momento de precisar o servizo directamente no Multiúsos da Xunqueira. As persoas proxenitoras ou titoras legais do menor, asinarán coa inscrición a aceptación destas bases polas que se rexe o Programa. O CIM resérvase o dereito de solicitar, segundo o considere oportuno, xustificantes ou documentación que outorgue prioridade á persoa solicitante.