Venres, 2 Maio de 2025

‘Cicklon’, gañadora do Desfile de Comparsas 2023 de Redondela

As comparsas de Entroido volveron a encher de música, cor, son e humor as rúas de Redondela este domingo 19 de febreiro, respondendo con creces ás expectativas, tanto da veciñanza como do Concello. O xurado redondelán encargado de decidir os nomes das comparsas gañadoras entre as  13 formacións participantes teñen experiencia dentro das artes escénicas (Rubén), a costura (Silvia) e o maquillaxe artístico (Carmen) e non o tiveron doado, porque segundo eles “o nivel foi moi alto”.

Ao final o xurado, por unanimidade, daba por gañadora á Cicklon de Tomiño, con 52 participantes, que gañaron os 900 euros en metálico cos que estaba dotado o primeiro premio. O segundo premio, cunha dotación de 600 euros en metálico, foi para “Os Choqueiros” de Redondela coa comparsa ‘Un Recuncho Máxico’, mentres que o terceiro premio de 300 euros ía para a Comparsa Luces de Tomiño.

Amais dos tres premios, o xurado outorgaba tamén os galardóns especiais ao Premio Mocidade de Comparsa que recaía na Asociación Cultural Comisión de Festas Cepeda coa comparsa Vaiben; o Premio á Retranca de Comparsa para Os Festeros de Bembrive coa comparsa “O festeitos qeren-té” e, finalmente, a Asociación Andaina de Persoas con necesidades especiais de Redondela, Andaina, gañaba o Premio á inclusión e á diversidade, dotado con 500 euros, pola comparsa “A viaxe continúa”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás comparsas participantes “por unhas comparsas nas que quedaba reflectida toda a ilusión e ganas de facer desfrutar á veciñanza” e puxo de relevo a importancia que ten a recuperación dunha das festas tradicionais máis multitudinarias de Redondela nas que participaron xente de tódalas idades”.

Rivas lembrou que “aínda queda moito Entroido por diante” que “o sábado seguinte celebrarase en Chapela o Enterro do Berete co seu propio concurso de comparsas e premios.