Sábado, 3 Maio de 2025

Cesantes pon en xogo o Campionato Galego de kitesurf esta fin de semana

A tempada de kitesurf en Galicia non podía comezar de mellor maneira. A enseada de San Simón acolle esta fin de semana a primeira regata oficial de 2022, e faio poñendo en xogo o primeiro Campionato Galego que disputa a clase en formato regata. O TMKiteClub, organizador da regata en colaboración co Concello de Redondela, xa ten todo preparado en Cesantes para recibir a partir de mañá sábado a máis dunha trintena de participantes que pelexarán por facerse co primeiro gran título da tempada.

“Sen dúbida é todo un reto para o noso club e sabemos que as expectativas son altas, pero estamos convencidos de que vai ser un gran campionato”, comeza explicando Tato González, presidente do TMKiteClub. “Cremos que é unha moi boa forma de inaugurar a tempada e estamos moi contentos co nivel de participación que alcanzamos. Esperamos que o vento e as condicións estean da nosa parte e que podamos cumprir co programa previsto para que o domingo teñamos aos campións e campioas de Galicia de 2022”.

Aínda que a comezos de semana os partes non auguraban as mellores condicións para a práctica do kite na enseada, as previsións foron mellorando durante os últimos días e todo apunta a que mañá sábado Cesantes contará co seu habitual vento térmico, polo que a organización conta con poder dar o primeiro bocinazo de saída en torno ao mediodía.

Por diante, dúas xornadas de competición nas que o Comité de Regatas tratará de completar o maior número de probas posible para as categorías Foil, Surf, Twintip e Twintip Feminino. En total, serán 32 os riders vindos de diferentes puntos de Galicia para pelexar por converterse nos primeiros campións e campioas autonómicos da clase, ofrecendo todo un espectáculo na enseada de San Simón que poderá gozarse desde a praia de Cesantes.

O domingo, unha vez finalizada a competición, ás 18:00 horas celebrarase nas instalacións do club a entrega de trofeos.

O Campionato Galego de Kite está organizado polo TMKiteClub Cesantes e o Concello de Redondela, por delegación da Real Federación Galega de Vela e contando coa colaboración de Padthaiwok Vialia, Aceites Abril e Nosatún.