3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeComarcasRedondelaCelebración en Chapela coa VII edición do "Día do Remo"

    Celebración en Chapela coa VII edición do “Día do Remo”

    Chapela acollerá este sábado, día 23 de setembro, a VII edición do Día do Remo. “Unha xornada de deporte, cultura e gastronomía en torno a este deporte con tanto arraigo no municipio de Redondela”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A cita, organizada polo Concello de Redondela a través das concellerías de Deporte e Cultura, a Asociación Día do Remo e o Club de Remo Chapela, comezará ás 11.00 horas cunha travesía popular a remo. Trátase dunha travesía multidisciplinar na que poden participar embarcacións de todo tipo co único requisito de que estean propulsadas a remo. Aos bateis, traiñeiras ou piraguas sumaranse outras embarcacións tradicionais como dornas ou gamelas. Os participantes percorrerán unha distancia de 4 millas náuticas con saída desde Arealonga, pasarán por baixo da ponte de Rande até chegar ao museo de Meirande e logo regresarán a Chapela. Desde a organización explican que este percorrido “quere servir de homenaxe aos caídos na Batalla de Rande que tivo lugar nestas augas en 1702”. A Agrupación A.D.C Rande será a encargada de poñer en escena unha recreación da batalla naval entre a armada da coalición hispanofrancesa e as tropas corsarias angloneerlandesas.

    Rematada a homenaxe, ás 12.00 horas, celebrarase unha regata de traiñeiras na categoría de veteranos coa modalidade de contrarreloxo cunha distancia de 2.500 metros.

    A partir das 13.30 horas terá lugar o xantar baixo unha carpa instalada no paseo marítimo de Chapela. O prato estrela será un arroz de marisco xigante con máis de 700 racións.

    As actividades continuarán ás 17.00 horas coa regata Día do Remo na que participarán remeiros e remeiras de Chapela e doutros clubs galegos. O concelleiro de Deporte, Iván Valles, salienta que este Día do Remo celébrase unha vez rematadas todas as competicións das diferentes ligas, “polo que é o momento idóneo para que todos poidan gozar dun ambiente festivo, unha xornada de convivencia entre deportistas, amigos e veciños”. As tripulacións das traiñeiras montaranse de xeito aleatorio con todos os deportistas que desexen participar, polo que compartirán bancada homes e mulleres de diferentes idades e de distintos clubs. “Nun mesmo barco terán cabida remeiros en activo nas ligas galegas ou ACT, veteranos retirados hai anos ou deportistas doutras ligas veciñas”, explican desde a asociación. Serán regatas en diferentes tandas a catro longos fronte á praia de Arealonga “onde o máis irrelevante é o resultado final”.

    O gran remate da festa será a cea, aberta a todo o público, onde se degustarán dúas tenreiras ao espeto preparadas polo asador cántabro Ángel Azcano e mexillóns ofrecidos polos bateeiros locais.

    A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, adiantou que a música será tamén protagonista desta xornada festiva coa actuación de Gin Toni’s, “unha banda divertida cun gran directo que nos fará viaxar polas versións dos mellores temas do pop rock español, desde os 80 até a actualidade, e o Dj  redondelán Rodri Vegas será o encargado de animar a festa ata a madrugada”. Pérez destaca “o compromiso do Concello de Redondela cos artistas galegos, xa que temos grandes grupos e bandas de todos os estilos”.

    A esta cita do remo non faltará o símbolo chapeleiro, dando vida en forma de mascota ao berete que este ano navegou na proa das embarcacións do CR Chapela.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.