Sábado, 3 Maio de 2025

Ana Pontón, na presentación da Candidatura do BNG de Redondela

O BNG de Redondela xa conta con candidatura para as próximas eleicións municipais do 26 de maio, candidatura que será presentada á veciñanza nun acto aberto que terá lugar o xoves 21 de marzo, ás 20 horas, no multiúsos da Xunqueira e no que participará a voceira nacional do BNG, Ana Póntón; Maria Xosé García, Cecilia Pérez, Jessica García, e Xoán Carlos González.

A lista que presentao o BNG á cita electoral de maio está formada, segundo sinala o candidato á alcaldía, Xoán Carlos González, por “un grupo de mulleres e homes, que centrarán todos os seus esforzos en mellorar as condicións de vida dos e das redondeláns”.

Destaca González, que 13 mulleres, forman parte do total de 24, que contando suplentes, conforman a lista. Afirma que o primeiro treito, constitúeo un grupo que xa levan traballando en labores de apoio ao grupo municipal dende hai varios meses. Destaca o papel desenvolvido por Jessica Garcia, Anxo Lusquiños e Pilar Sotelino, números 2,3,5 respectivamente.

Como independentes figuran na candidatura a veciña de Chapela Gabriela Álvarez no posto 4, Teresa Muíños no 6, Maria Xesús Couñago no 10, dinamizadora cultural. Xoán Carlos González destacou que moitos dos integrantes “veñen participando de diversas asociacións, e entidades culturais, e mesmo do sindicalismo nacionalista, como nos caso de David Couñago, Ana Santomé e Maria Xosé García”. Doutra banda, o grupo de ‘xente moza’ o forman Jessica García, Brais Ferreiro e Iria Custodio.

Roberto Cabaleiro de Trasmañó, Lucía Martínez e Ramón Iglesias de Redondela, Elena Álvarez e Daniel López do Viso, e Roi Grande xunto a Manuel Campos de Chapela, constitúen o grupo de militantes do BNG, que forman parte da Candidatura. Finalmente as exconcelleiras Rosa Costas, Mari Ánxeles Babarro, e a histórica militante, tamén candidata ao Senado Cecilia Pérez, completarían a lista do BNG de Redondela.

“Presentámonos ante a veciñanza, como a verdadeira oposición a Javier Bas. Unha oposición que defende os intereses dos e das redondeláns por riba de todo. Que considera que Redondela, está ferida por mor das políticas lesivas do goberno do PP que, –lembra o candidato nacionalista– goberna en minoría”.

Xoán Carlos Gonzalez asegurou sentirse “enormemente satisfeito” na conformación da candidatura, “polo respaldo e apoio que nos prestaron moitas persoas coa súa presenza”. “Presentámonos para abandeirar un goberno alternativo a Javier Bas e ao PP”, afirma Xoán Carlos González. “O rigor, compromiso, responsabilidade e lealdade aos veciños e veciñas, caracterizan aos intergrantes da lista do BNG”, afirma.