Martes, 6 Maio de 2025

Actividades e música encherán Redondela no seu XXIV Entroido de Verán

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Turismo, celebra o sábado 19 de agosto o XXIV Entroido de Verán. As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20.00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 arrancará a xa tradicional Gala Drag con Cristian de Samil como mestre de cerimonias e que repartirá 1.800 euros en premios. Rematada a gala comezarán os concertos. Os primeiros en subir ao escenario ás 23.00 horas serán os integrantes da banda A Quinkillada. Logo actuará o artista galego Ortiga e por último o canario Dasoul. O DJ redondelán Rodri Vegas será o encargado de pechar a festa. A concelleira de Turismo e Cultura, Rita Pérez, sinala que o programa ten un marcado acento galego “con agrupacións e artistas do país que ademais ofrecen temas en galego, un xeito de apoiar desde Redondela o talento da nosa comunidade, que é moito”. Neste caso ademais a banda A Quinkillada e o músico Ortiga ofrecen uns espectáculos “moi acaídos para o Entroido de Verán, cunha posta en escena divertida e festeira que porá a bailar a todo o público”, apunta a concelleira.

Actividades para público infantil

O Concello de Redondela volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila. A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga e na pista da Petanca o grupo Animar-T fará bailar a grandes e pequenos co espectáculo “A bailar”. A praza da Torre acollerá un touro mecánico e o inchable “Eliminator”, mentres que na praza de Lenda haberá pistas inchables de fútbol e baloncesto. As actividades infantís rematará ás 21.30 coa Festa da Escuma na pista da Xunqueira. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación “que teña en conta ao público de todas as idades, para que tanto os mozos e adultos como nenos teñen o seu propio espazo con actividades específicas”. Estas actividades ofrécense en cinco espazos diferentes repartidos pola vila “para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos”, explica a rexedora local.

Liñas de transporte

Como en anos anteriores o transporte público reforzarase con liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta ata as 06.00 horas.

Artistas participantes

A Quinkillada

Grupo galego que ofrece un espectáculo que eles denominan “Verbena-Fusión-Rap”. Temas propios con estilos que van desde a rumba á cumbia pasando por sons modernos con letras maioritariamente en galego. con gran diversidade nas letras, desde a básica desconexión de festa a porse serios falando dos golpes desta vida. En 2022 verá a luz esta aposta co único fin de facer o teu día un pouco mellor. O título do seu primeiro traballo Gozar, Sentir, Bailar define moi ben o que transmiten enriba dun escenario.

Ortiga

Ortiga é o proxecto musical en solitario de Manuel González alias Chicho. Músico, cantante e compositor formou parte do dúo Esteban & Manuel e tamén de  Boyanka Kostova. Ofrece unha divertida fusión de cumbia, merengue, bachata e autotune. O artista compostelán fai referencia sempre nos seus á súa terra e a xente real. A súa arte non pode entenderse sen a maxia das verbenas galegas, e as súas colaboracións coa cantante Pili Pampín son todo un éxito. Xuntos teñen versionado clásicos como “Eu chorar chorei” ou “O galo”.

Dasoul

O artista canario, autor de grandes éxitos latinos, achegará a Redondela os seus temas máis bailables, nos que mistura funk e electrónica. Pezas como “Él no te da” levárono a acadar o doble disco de platino. O seu último lanzamento é “Noches de San Juan”.