O Obradoiro Fernando Monroy continúa coa súa actividade habitual e procedeu á apertura do prazo de presentación de fotografías para o seu certame anual, que nesta edición repartirá un total de 650 euros en premios. A directiva mantén os principios básicos desta actividade e volverá a presentar varios premios. Deste xeito, haberá unha instantánea gañadora que levará 200 euros. Despois hai dúas categorías: a de adultos con tres premios (150, 100 e 75 euros) e a de xuvenís con dous (75 e 50 euros). Recordamos que están considerados xuvenís os menores de 16 anos.
A temática é libre pero é preciso indicar onde se realizou cada unha das fotos. Deberán ser presentadas en formato impreso como se recolle nas bases (dispoñibles do Facebook @ObradoiroFernandoMonroy) e tamén enviadas en formato dixital ó correo do colectivo ([email protected]). O lugar físico para presentar a obra é o Círculo Cultural de Cesantes. Pode levarse en persoa ou enviarse por correo ordinario.
O prazo límite é o vindeiro mércores 3 de novembro e o longo dese mes o xurado dará a coñecer ós gañadores do certame. É preciso recordar que, ademais de optar ós premios, as fotografías presentadas serán despois expostas en diversos centros culturais de Redondela. A colección correspondente ó concurso de 2020 xa pasou polo Círculo Cultural de Cesantes, o Multiusos de Redondela, o de Chapela, o Centro Cultural de Cedera e a Sociedade Labrego Cultural de Reboreda. Desde xeito, o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy fai un importante traballo para divulgar a obra de todos os participantes para poñer en valor o seu esforzo.