Domingo, 4 Maio de 2025

Aberta a matrícula para as clases gratuítas de Tai Chi en Redondela e Chapela

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Servizos Sociais que xestiona Iria Vilaboa, vén de poñer en coñecemento das persoas interesadas que, ata o vindeiro 1 de xullo, estará aberto o prazo para inscribirse nas clases gratuítas de taichi. A inscrición pode formalizarse nos dous Rexistros do Concello –Redondela e Chapela– ou ben a través da sede electrónica na páxina web do Concello. Cómpre subliñar que a adxudicación de prazas se fará seguindo a orde de inscrición.

As clases comezarán o día 4 de xullo e alongaranse ata finais do mes de agosto e, como é habitual, serán impartidas na Alameda Castelao e no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela.

“Que as persoas maiores do municipio teñan a mellor calidade de vida posible, foi e segue a ser unha das prioridades deste Goberno”, afirma a alcaldesa Digna Rivas quen considera de enorme importancia “ofrecer actividades gratuítas, como o caso do taichi, que contribúan a reforzar o seu estado de saúde”.

Está comprobado que a práctica do Tai Chi, a pesar de ser de movementos lentos e pausados, axudan a mellorar a forza muscular ademais de mellorar o andar e aliviar as dores de persoas que padezan doenzas crónicas como a artrite.

A práctica do Tai Chi realizase de pe. Os brazos úsanse para realizar movementos que van dende simples a complexos e nos que se traballan as articulacións, o que as fortalece, osixena e tonifica. Amais os seus movementos melloran e fortalecen os sistemas cardiovascular e respiratorio. Axudan a diminuír a frecuencia cardíaca pero, ao mesmo tempo, melloran a circulación.