A Xunta activa o 19 e 20 de agosto servizos especiais de autobús para facilitar os desprazamentos ao Entroido de Verán de Redondela.
Os usuarios contarán con servizos de ida e volta dende Vigo, O Porriño e Pontevedra. Así, para desprazarse ata Redondela, o sábado habilitaranse expedicións dende Vigo que sairán da Rúa Areal cada media hora dende as 18 ata as 23:30 horas.
No Porriño, haberá opcións de viaxe cada hora con saídas dende a rúa Progreso dende as 18 ata ás 22 horas. En Pontevedra, tamén se activarán servizos cada hora con saídas dende a estación de autobuses dende as 18 ata ás 22.
Tamén haberá servizos de ida na madrugada do 20 de agosto que sairán de O Porriño ás
00:30 e 02:30 horas e de Pontevedra E.A. cada hora, dende a 1 ata as 3 horas.
Para a volta, o sábado activaranse servizos cara Pontevedra con saídas de Redondela cada hora dende as 18:30 ata ás 22:30 horas e cara O Porriño con saídas cada hora dende as 18:20 ata ás 21:20. Os servizos de volta cara Vigo realizaranse nos horarios habituais.
Na madrugada do domingo tamén se porán a disposición varias frecuencias. Cara a Vigo, sairán cada media hora dende as 1:30 ata as 6 horas. En dirección cara O Porriño disporase de servizos ás 00:00, 1, 3, 5 e 6 e para desprazarse ata Pontevedra, haberá viaxes cada hora dende as 01:30 ata ás 6:30 horas.
A Xunta, coa posta en marcha destes servizos especiais, busca facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, se diminúa o tráfico e con iso o impacto ambiental.
Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que fan en todos os autobuses da Xunta.
Os demais usuarios do transporte público da Xunta poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.
A información dos horarios dos servizos e as súas paradas poderán ser consultadas na web www.bus.gal.