Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta ignora necesidades dos colexios de Redondela mentres inviste en concellos afíns coa metade de centros escolares

A Consellería anuncia unha achega de medio millón de euros para tres CEIP de Mos “mentres deixa sen cumprir os compromisos adquiridos dende o 2019 con Redondela, cuarto municipio da provincia e con mais do dobre de centros escolares públicos”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, considera inaceptable que a Xunta “ignore por completo” as necesidades dos colexios públicos do municipio cando, ao mesmo tempo, “inviste en concellos afíns que contan coa metade de centros escolares”. Para a rexedora local “é impresentable” que a Consellería anuncie o investimento de máis de medio millón de euros en tres CEIP de Mos, con menos da metade de colexios que Redondela, “mentres segue a incumprir os compromisos adquiridos co Concello redondelán”.

“Non se trata do que outros teñan ou deixen de ter –aclara Digna Rivas– trátase do que a nós nos corresponde con 30 000 habitantes e como cuarto municipio da provincia, e mentres municipios do PP como Mos, coa metade de habitantes teñen tres escolas infantís a Redondela segue negándoselle a segunda”.

Digna Rivas lembra que en senllas reunións mantidas co Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares no 2019 e coa Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, en maio do 2021, trasladóuselle á Xunta de Galicia a situación dos colexios de Redondela, case que todos con case que medio século de antigüidade, e acadárase o compromiso de establecer un calendario para acometer as obras demandadas”.

Rivas lembra que nas anteditas reunións, “a Xunta comprometeuse a dar solución, o máis rápida posible, aos temas propostos que respondían a necesidades concretas de cada un dos centros escolares”. De feito, na primeira reunión, falouse de establecer un calendario de traballos “a través de reunións entre técnicos da Xunta e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, reunións que nunca chegaron a celebrarse”, matiza a alcaldesa.

“O cumprimento dos compromisos que adquire un Goberno, e máis no caso da Xunta como representante de todos os galegos e galegas, debe estar fora de toda dúbida”, sentencia a alcaldesa de Redondela quen considera que “sería lamentable” que a realización das obras comprometidas co Goberno local estivese a atrasarse “deliberadamente á espera que se aproxime o período electoral e poder anunciar o seu candidato, a bombo e platillo, o inicio das mesmas culpando ao Goberno local do que, nese caso, sería unha actitude sectaria e claramente partidista do Goberno galego”.

“Se o PP de Redondela preocupásese tanto polo benestar da cidadanía como anuncian, terían que preguntar aos seus compañeiros de Santiago o porqué de manter as instalacións escolares do municipio, co prexuízo que iso supón para todos e todas as escolares, nas condicións en que as teñen. En lugar diso, prefiren manter un silencio cómplice a procura de acadar unha dubidosa rendibilidade electoral”.

Das obras “de realización urxente” que se puxeron sobre a mesa na reunión co Xefe Territorial de Educación no 2019, o falso teito do CEIP de Angorén está a medio facer; o peche da pista de Cedeira “dixeron que o ían facer, pero sen establecer data algunha”; o cambio das ventás do colexio de Cesantes “as farán cando remate o curso, dous anos e medio despois de terse comprometido” e na reforma integral do colexio de Reboreda “van dando cartos aos poucos e a dirección decide as obras a realizar, cando o desexable sería facer a remodelación total que o centro precisa”, di Digna Rivas.

De outras obras, como a pista cuberta do IES Chapela, a ampliación do patio do CEIP Laredo, a ampliación do IES Pedro Floriani ou a retirada do amianto da cuberta nese centro e no CEIP de Cedeira “non se ten noticias nin asemella que se vaia adoptar solucións”.