Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta elimina un punto de verquido de augas residuais en Redondela

A Xunta eliminou un punto de  vertido de augas residuais urbanas na parroquia do Viso, no concello de Redondela, cara á ría de Vigo.

Esta achega irregular foi localizada no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección nun sistema de recollida e tratamento de augas residuais asimilables a urbanas no lugar de Soutoxuste, cuxo efluente se vertía cara a un regato que desemboca na ría de Vigo.

As mostraxes efectuadas na zona reflectiron un grao de depuración insuficiente para acadar os valores de calidade exixidos para o seu vertido cara ao dominio público.

Augas de Galicia comunicoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron, mediante analíticas no lugar identificado previamente, que as actuacións levadas a cabo para a modificación da liña de depuración municipal permitiron a emenda do vertido.