Domingo, 11 Maio de 2025

A rapazada de Redondela plasma as súas reivindicacións no Pleno Infantil

O auditorio do Xunqueira acolleu a celebración dun pleno infantil no que participaron alumnos dos centros de primaria e secundaria do municipio xunto coa alcaldesa Digna Rivas, a concelleira de Infancia, Pilar Martínez, e representantes de todos os grupos políticos da corporación.

Acompañados dous seus mestres, no pleno participou rapazada dos CEIP Alexandre Bóveda, Quintela, Igrexa, Porto Cabeiro, Reboreda, CEP Santa Mariña, Colexio Vigo e os IES Chapela, Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño. A sesión plenaria deste Consello Municipal de Infancia e Adolescencia coincide coa celebración onte, 20 de novembro, do Día Internacional da Infancia. O Consello Municipal de Infancia e Adolescencia é un órgano participativo e de carácter consultivo que serve de representación do conxunto da Infancia e a Adolescencia dentro do municipio, e que se artella favorecendo a colaboración da Infancia e a Adolescencia cos adultos na elaboración das políticas municipais, tendo en conta o punto de vista dos máis novos.

A alcaldesa, Digna Rivas, que presidiu o pleno, salientou a importancia desta sesión plenaria “xa que os propios nenos e nenas, de primeira man, poden expoñer as súas necesidades, reivindicacións e inquedanzas”.

“A seguridade na infancia” era o lema deste ano, e a mocidade expresou as súas demandas e inquedanzas neste sentido. Falaron da necesidade de mellorar a saúde mental dos máis pequenos, con atención psicolóxica nos centros de ensino e persoal de apoio para facilitar a integración de todo o alumnado, tamén do que ten necesidades educativas especiais. Mellorar a seguridade viaria foi outra das súas reivindicacións, tanto coa instalación de beirarrúas nas zonas onde non existen como na mellora do alumeado onde é necesario. A concellería de Infancia trasladará todas estas peticións ás administracións competentes.

Unha vez rematado o pleno, a rapazada concentrouse na entrada do Multiúsos da Xunqueira con pancartas feitas por eles mesmos coas súas reivindicacións. A concelleira de Infancia, Pilar Martínez, explcou que as pancartas “quedarán expostas ao longo de toda a semana para que a veciñanza de Redondela poida ver as suas inquedanzas”.