Venres, 9 Maio de 2025

A Policía Local de Redondela aposta pola prestación dun servizo de calidade

A Concellería de Seguridade do Concello de Redondela, que xestiona Leonardo Cabaleiro e a Xefatura da Policía Local veñen de amosar a súa aposta por unha prestación de servizo de maior calidade e para iso dotaron aos seus axentes dunhas novas ferramentas de traballo que lles permitirán realizar e tramitar as demandas veciñais e servizos policiais dende calquera punto do municipio redondelán.

Tras o preceptivo testeo de viabilidade, a Concellería de Seguridade decidiu dotar aos seus policías cunha Surface Pro coa súa impresora portátil, para que os efectivos policiais poidan dar trámite, dende a rúa, a calquera actuación administrativa, penal ou de tráfico que se lles puidese presentar.

Dita tramitación poderana realizar por conexión VPN dende a Plataforma XesPol, un software de xestión policial co que traballan dende o ano pasado e que recibiu o recoñecemento funcional e operativo dos policías Redondeláns. Cómpre salientar que a conexión VPN garante a protección do tráfico dos datos policiais.

A satisfacción e confianza obtida pola policía local co uso de XesPol, permitiralles o poder seguir utilizando a súa nova versión 2.0, versión que se presenta desenvolta de forma bilingüe e que posibilita que calquera trámite policial, poida ser xestionado integramente no idioma galego, de feito, XesPol é a única plataforma policial en galego.

Redondela convértese deste xeito nun dos primeiros concellos de Galicia en poder gozar desta mellora que ofrece a nova versión de XesPol. Neste sentido, recentemente os autores de XesPol (Kathy Pena e Manuel Fuentes, ambos os policías locais de Carballo), recibiron as felicitacións e o recoñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística polo traballo feito a favor do uso da nosa língua.

A este recoñecemento tamén se lle sumou o da “Unión Galega de Policías Locais” quen recentemente valorou devandito software como unha das mellores ferramentas de referencia no ámbito policial.

Dende a Xefatura do Corpo destacan que a chegada da Plataforma XesPol á Policía Local de Redondela significou o poder contar “cunha ferramenta policial que protocolariza actuacións, unifica a nosa imaxe policial e garante que calquera trámite administrativo, penal ou de tráfico sexa xestionado da mesma forma e baixo os mesmos modelos de actas ou dilixencias, sen importar que devanditos trámites sexan realizados en Redondela, Cangas, Marín, Poio, O Grove, Ponteareas, etc.”.