11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Biblioteca de Redondela recoñecida co IV Premio de Innovación Bibliotecaria de...

    A Biblioteca de Redondela recoñecida co IV Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia

    A Xunta de Galicia vén de recoñecer o proxecto Unha biblioteca para Xela, da Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela (Redondela), co IV Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que ten como obxectivo impulsar e pór de relevo os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais.

    O galardón foi entregado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na clausura da III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, celebrada na Biblioteca de Galicia baixo o título A biblioteca social. Especialmente dirixido ao persoal traballador da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, o encontro enmarcábase na programación desenvolvida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co gallo do Día das Bibliotecas.

    O representante da Xunta de Galicia quixo salientar “a función integradora das bibliotecas e a súa capacidade para estimular a cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade”. Así mesmo, louvou o proxecto galardoado nesta edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, dotado con 3.000 euros, destacando o xeito en que “conxuga innovación e excelencia na súa concepción, nos recursos innovadores utilizados e no esforzo na súa difusión”.

    Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

    Este galardón recoñece anualmente proxectos desenvolvidos en bibliotecas públicas municipais e relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en funcionamento de servizos innovadores, sustentabilidade ambiental, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da Axenda 2030. A esta cuarta convocatoria optaron proxectos de bibliotecas dos concellos de Bande, Carballo, O Porriño, Ribadavia, Soutomaior, Verín e Redondela.

    A primeira entidade galardoada con este premio foi, no ano 2018, a Biblioteca Pública Municipal de Camariñas polo proxecto O berberecho rebecho viaxa a La Turballe, mentres que na segunda edición recoñeceuse o mapa literario de Vigo elaborado pola Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. A última en incorporase a esta listaxe foi a Biblioteca Municipal de Bóveda, recoñecida pola súa capacidade para influír na comunidade e executar un proxecto de integración social que tiña en conta as circunstancias de todos os veciños ao adquirir recursos bibliográficos adaptados como os libros de lectura fácil ou audiolibros e adaptar o acceso ás súas instalacións.

    Encontro ‘A biblioteca social’

    O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia foi a sede dun encontro que, baixo o título A biblioteca social, analizou novas ferramentas e perspectivas para a consolidación das bibliotecas como espazos abertos e participativos, de inclusión e integración e de relación interxeracional, congregando a comunidade bibliotecaria galega nun foro de diálogo cara a revelación e formulación de novas propostas. Entre as relatoras e relatores, contouse con representantes de distintas bibliotecas da contorna galega e estatal e doutros colectivos , como David Martínez Ayllón (Biblioteca Pública de Cuenca), Antonio Díaz Grau (Biblioteca Pública de San Javier, Murcia), Ana Isabel Alonso López (Biblioteca Pública Enrique Rivera Rouco das Pontes de García Rodríguez), Mónica Carballo Quiroga (Biblioteca Pública do Saviñao), Colectivo Lemos Le, Francisco Montoto Veira (Centro Interxeneracional de Ourense), Juan Sobrino García (Biblioteca Pública de Soto del Real, Madrid), Mar García Pérez (Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo), Vicente Rodríguez Justo (Biblioteca Pública de Verín) e Santiago González Avión (Asociación Diversidades).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.