O Concello de Salvaterra de Miño ven de abrir, neste mes de agosto, unha nova Oficina de Turismo xunto ao parque público A Canuda, co fin de atender o incremento de demanda de información turística durante estes meses e, do mesmo xeito, abre tamén en época estival o servizo gratuíto de bicicletas. O horario de ambos servizos é de mércores a domingo de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 a 19:30 h, de agosto a novembro.
Nesta primeira semana de posta en funcionamento da oficina de turismo xa pasaron por ela máis de 100 visitantes nacionais e internacionais como Francia, Suiza ou Portugal, para recoller información sobre o municipio e os seus lugares de interese. A apertura desta nova oficina de turismo se leva a cabo baixo a axuda outorgada pola Deputación de Pontevedra para a dotación de persoal en oficinas de información turística, adherida polo tanto a Rede de Oficinas de ‘Info Rías Baixas’.
En relación ao Servizo gratuíto de bicicletas salientar que tódolos menores de 16 anos deberán traer o seu propio casco de protección para poder empregala e, asi mesmo, os menores de idade precisan consentimento dun titor legal.

O concello de Salvaterra de Miño é dos poucos de Galicia que contan con bicicletas de paseo de xeito gratuíto que poderán empregar tanto a veciñanza como as persoas visitantes, para percorrer o Casco Urbano, o carril bici e as sendas dos Ríos.
Así, o que o desexe, poderá facer de forma natural unha ruta polos 25 km de sendas que o municipio ten polos ríos (Mendo, Miño e Tea), o Recinto Amurallado e a Ponte Medieval. Ademais este verán poderán ser os primeiros en facer a senda entre Salvaterra e Tui, hasta o Río Caselas.

Con iniciativas como esta o Concello que preside Marta Valcárcel pretende “fomentar o deporte e hábitos saúdables entre os seus veciños e veciñas, o uso de medios de transporte ecolóxico e achegar a natureza e o propio patrimonio a todos e a todas”. Ademais busca ser “unha chamada para as miles de persoas que se visitan a nosa Vila na procura de tranquilidade e lecer, sen esquecer unha boa gastronomía”.
Salvaterra de Miño, lembra a súa alcaldesa, “é Vila Milenaria, capital do Viño do Condado do Tea, pero sobre todo é un xardín sobre o Miño, sendo o parque público A Canuda un dos reclamos turísticos máis importantes do sur de Galicia”.
Finalmente, nas vindeiras semanas a esta oferta engadirase tamén a das bicicletas eléctricas que serán entregadas pola AECT Río Minho as tres Eurocidades, Tui-Valença, Tomiño-Vilanova de Cerveira e Salvaterra-Monção.