Sábado, 3 Maio de 2025

O Campo Municipal de Dextros de Salvaterra de Miño pasará a chamarse ‘Antonio Bernárdez Gándara-Dextros’

O Concello quere render homenaxe póstumo a un home implicado na actividade deportiva de Salvaterra de Miño e no apoio aos e ás deportistas do municipio

Na sesión plenaria celebrada o día 31 de xullo de 2023 en Salvaterra de Miño a Corporación local aprobou, por unanimidade dos tres grupos políticos a modificación do nome do Campo Municipal de Dextros, que pasará a chamarse ‘Antonio Bernárdez Gándara-Dextros’ en homenaxe o eterno presidente da S.D. Salvaterra e das Escolas Deportivas.

Este merecido recoñecemento a título póstumo xa se iniciara antes do seu falecemento e Antonio era consciente. Trátase dun xeito de recoñecer o traballo inesgotable e a súa adicación e implicación durante toda a súa vida co deporte e os deportistas de Salvaterra.

Moitos veciños de Salvaterra de Miño foron xogadores da S.D. Salvaterra e todos coinciden en que nalgún momento da súa infancia a figura do presidente Antonio Bernárdez foi fundamental para o desenvolvemento da actividade deportiva, concretamente do fútbol local.

A maiores de presidir o equipo, en varias etapas da súa vida, sempre estivo ligado e traballou con distintas tarefas para o clube, pero todas elas cun denominador común: o ben da S.D. Salvaterra.

É por iso que a proposta da alcaldía tivo a aceptación de tódolos grupos políticos quenes en maior ou menor medida tiñan relación con este home tan entrañable como importante para o deporte local.