Nun intento de concienciar á sociedade sobre a importancia, tanto no medio ambiente como na sociedade, das abellas, Nacións Unidas decretou o 20 de maio como o día mundial da abella. Ese día, ademais de amosar a relevancia destes pequenos insectos, procura alertar sobre as ameazas ás que se enfrontan as abellas na actualidade, tales coma o uso de pesticidas e herbicidas, os incendios forestais ou a chegada de novos inimigos, como por exemplo o tártago asiático (Vespa velutina) e sensibilizar á poboación sobre a necesidade de protexelas.
Este ano, Lazoiro uniuse á campaña lanzada pola ONU destinada tanto ás abellas coma outros polinizadores que desenvolven un papel fundamental na supervivencia dos ecosistemas, xa que son as encargadas da reprodución de un gran número cultivos e plantas silvestres.
Por iso, aínda considerando as terribles consecuencias a nivel social e económico que está a ter nas nosas vidas a pandemia do COVID-19, dende Lazoiro, consideramos que é un deber de todos, tanto a nivel individual como a nivel colectivo, tomar todas as medidas que estean nas nosas mans para protexer ás abellas. Non só polo medio ambiente, senón un futuro con garantías para o sector agrícola.
Algunhas das medidas solicitadas ao Goberno do Concello de Salvaterra van dende o cese inmediato do uso de herbicidas e pesticidas na eliminación das herbas, ata á creación dun servizo para mellorar a eficacia na erradicación dos niños de Vespa Velutina, pasando por deixar de desbrozar a ribeira do río miño, limitándose unicamente á corta exclusiva do espazo correspondente ao paso dos camiños, respetando a REDE NATURA.
Ademais, dende Lazoiro volvemos a pedirlle ao Concello que lle esixa á Xunta de Galicia o cese de uso de herbicidas nas estradas da nosa localidade.