Domingo, 4 Maio de 2025

Volve a ‘Clásica Álvaro Pino’ a Ponteareas

A Marcha Cicloturista, que volve tras cinco anos da man dunha asociación deportiva local e do Concello de Ponteareas, terá lugar o 3 de outubro no Condado Paradanta

O gran fondo cicloturista que leva o nome do ilustre exciclista ponteareán volve a Ponteareas despois de 5 anos sen celebrarse e xa ten data oficial, o 3 de outubro. A marcha estrea un novo organizador, a asociación deportiva Plan C, en colaboración co Concello de Ponteareas.

A pesar dos anos a Clásica mantén todos os obxectivos e a esencia de anos anteriores: seguir sendo unha das referencias do calendario cicloturista nacional e, ao mesmo tempo, manter viva na memoria de todos a excelente carreira deportiva desenvolvida polo excorredor Álvaro Pino.

Trátase dun percorrido de 110 quilómetros, con saída (9:30 horas) e chegada a Ponteareas. Contará cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, pero tentando reagrupar aos corredores nos avituallamentos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión.

A marcha pasará por 7 concellos –Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra–, terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

A presentación oficial da marcha terá lugar o 13 de maio, coincidindo co 35 aniversario da vitoria de Álvaro Pino na Volta a España, e contará coa presenza do ciclista. A organización, que estima unha participación de 400 corredores, quere destacar a importancia dos patrocinios para a celebración deste evento entre os que se atopan o propio Concello de Ponteareas, A deputación provincial, GDR Condado Paradanta ademáis de diversas empresas e comercios locais.

Novidades

Os primeiros pasos xa se están dando este ano, no que se estrea percorrido, “buscando unha maior beleza paisaxística e contribuíndo á promoción de novos enclaves da provincia de Pontevedra”, sinalan os organizadores.

O evento conta cunha páxina web www.clasicaalvaropino.com a través da cal se poderán realizar as inscricións a partir deste venres 14 ás 10 horas. Tamén contan con Facebook, Instagram e Twitter (@ClasicaPino) na que manterán informados a todos os participantes sobre o desenvolvemento da carreira.