Luns, 12 Maio de 2025

Unha viaxe por ‘Cidades’ do mundo esta fin de semana no Concerto de Primavera de Ponteareas

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e Dextrum Ensemble únense nunha actuación o vindeiro sábado 9 na sala multiúsos do auditorio municipal

A música encherá de novo Ponteareas esta fin de semana. Este sábado 9 de abril a Banda de Música Xuvenil de Xinzo e Dextrum Ensemble uniranse para protagonizar o Concerto de Primavera, unha cita musical organizada polo Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra na que a banda e o cuarteto de saxofóns farán un percorrido por ‘Cidades’ do mundo.

A programación do concerto está composta por catro obras de diferentes compositores relacionadas con diversos lugares do mundo. Así, o concerto comezará coa obra ‘Sedona’, de Steven Reineke, na honra da cidade estadounidense do mesmo nome, coa que a banda abrirá o concerto en solitario. Tras esta peza chegará a quenda de ‘Cidades’, de Guillermo Lago, un percorrido por Córdoba, Montevideo, Tokio, Sarajevo e Addis Abeba a través de gran variedade de estilos musicais. A terceira peza, ‘The Big Apple’, de Johan de Meij, representará á cidade de Nova York, mentres que o peche correrá a cargo dun arranxo para saxos e banda do pasodobre ‘Ponteareas’, de Reveriano Soutullo.

Dende a concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba Bouza, convídase a toda a veciñanza a participar nesta actividade cultural protagonizada por dúas agrupacións musicais cunha gran traxectoria ás súas costas “que subirán ao escenario para facer gozar ao público cun proxecto de gran complexidade”.

O concerto será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, de balde, con entrada libre ata completar aforo. Aquelas persoas que non poidan asistir poderán seguir a retransmisión en streaming deste Concerto de Primavera a través das redes sociais da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ou escoitar a gravación sonora que realizará a Radio Galega.