Domingo, 4 Maio de 2025

Un préstamo de 2 millóns de euros permitirá a Ponteareas pagar grandes obras antes de cobrar as subvencións

O Concello de Ponteareas contratará un préstamo de 1.925.000 euros a tan só un ano para adiantar o pago ás empresas que están executando numerosas obras subvencionadas pola Deputación e a Unión Europea. O préstamo cancelarase no intre no que eses organismos paguen ao Concello as subvencións que xa foron concedidas. A operación conta co informe favorábel da intervención municipal.

O alcalde Xosé Represas explicou que Ponteareas, segundo datos oficiais, é un dos concellos galegos con máis obra contratada e en execución e moitas desas obras están financiadas por outras administracións. “Falamos de proxectos como a humanización da rúa Redondela, a mellora do entorno da  piscina, a rede calor ou a praza Bugallal entre outras. Todas esas obras suman máis de 2,5 millóns de  euros de investimento que primeiro debemos pagar para logo recibir os fondos concedidos pola Deputación ou a Unión Europea. Por iso, para dispor desa enorme liquidez e pagar por adiantado debemos contratar un préstamo puntual que só suporá un custo para o Concello en xuros de menos de 1.000 euros”, aclarou o alcalde quen lembrou que “nunca na historia de Ponteareas se contratou tanta obra en tan pouco tempo”.

Represas salientou que conforme aos datos oficiais da contabilidade municipal e que figuran na plataforma do Ministerio de Facenda “os pagos do Concello a provedores no último trimestre reducíuse a tan só 18 dias. Coa operación de crédito que faremos agora continuaremos sendo un Concello exemplar no pago ás empresas e provedores”.

Respecto ás críticas do Partido Popular, que acusou ao goberno de endebedar ao Concello con esta operación e levalo á bancarrota, Represas afirmou que “esas críticas revelan o descoñecemento que o PP ten sobre este tipo de operacións e animounos a informarse mellor lendo os informes da Intervención municipal”. O alcalde engadíu que “o Concello goza dunha espléndida saúde económica porque conseguimos no anterior mandato sacalo da bancarrota na que nolo deixaran os que agora fan críticas infundadas”.