A concelleira socialista de Vías e Obras, Chus Garrote, visitou esta semana a execución das obras na vía de Cortellas que vai do barrio da Cova á Cañoteira, en Ponteareas. A finalidade desta obra é dar servizo ás preto de dez vivendas, xa que a día de hoxe nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros pode acceder ás vivendas polo camiño. “É unha necesidade e unha prioridade que un servizo de emerxencias poda chegar ata a casa dunha familia”, afirma Chus Garrote.
O proxecto de ampliación e mellora da vía fora aprobado no ano 2018 por un importe de 144.884,12 euros e agora xa obtidas as autorizacións e modificacións requiridas por Patrimonio da Xunta de Galicia estase a executar por un importe total de 168.438,28 euros. Así mesmo estase analizando, na continuación dese mesma vía, a mellora de pavimentación e control de pluviais de xeito que poida realizarse, de ser posible, con fondos do Plan Concellos ao igual que se financia esta obra.
A concelleira socialista agradece aos veciños e veciñas “as cesións que fixeron para poder mellorar a accesibilidade no camiño así como a paciencia que tiveron á espera dunhas obras tan necesarias”.
Este proxecto súmase aos que se veñen facendo recentemente para dar cumprimento ás propostas feitas na presente lexislatura. “Nós debémonos aos nosos veciños e veciñas e sempre estaremos ao seu carón para mellorar en todo o que poidamos o seu benestar”, afirma Chus Garrote, concelleira de Vías e Obras.
