A Biblioteca Municipal de Ponteareas acollerá o vindeiro xoves ás 12.00 horas un espectáculo de contacontos da man da artista Sabela Losada. Os nenos e nenas que asistan poderán xogar a ‘O xogo das escritoras’, unha divertida oca no que amais de subir e baixar polo taboleiro, as persoas participantes buscarán nos libros da biblioteca, escribirán, debuxarán e espremerán os miolos para superar as actividades propostas, relacionadas coa literatura escrita por mulleres. O xogo, cuxo obxectivo é visibilizar ás escritoras, é adaptable á idade das participantes.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza a asistir a unha actividade que é “moi divertida e instrutiva”, ademais destaca que é de balde, pero fai falta inscrición, que se pode realizar na biblioteca, a través do enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 660 765.
Sabela Losada é experta en xénero, cooperación para o desenvolvemento e xestión cultural. É a creadora de Dalúa Libros onde ten publicadas varias obras para crianzas e foi premiada no Certame Internacional Encarna León polo seu relato sobre a relación entre Rosalía de Castro e María Cardarelly, autora das súas primeiras fotografías. Foi parte de Mulheres Livres e outros colectivos, e ten escrito sobre rebelións populares en Sudamérica, identidade e autocoñecemento feminista, maternidade, crianza e educación libres.