Sábado, 3 Maio de 2025

Ribadetea reclama solucións urxentes ao deterioro hixiénico-ambiental da parroquia

A Plataforma polo Saneamento de Ribadetea asemella que comeza a estar farta de boas palabras e reunións baleiras. Nun escrito remitido aos medios de comunicación, a Plataforma sinala que logo información facilitada por Augas de Galicia e publicada nos medios de comunicación o pasado día 24, “condenamos a utilización partidista da realización dunha infraestrutura que é unha necesidade tan básica para o conxunto dos veciños da nosa parroquia”.

A Plataforma é clara ao sinalar que, “en vez de escorrer o bulto, botándose a culpa entre dunhas administracións a outras”, o que veciños e veciñas de Ribadetea queren “é que cada administración faga o que se comprometeu a facer cos representantes dos veciños de Ribadetea”.

Nesa liña teñen, polo tanto, esixencias a tres bandas: á Xunta de Galicia, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) é ao propio Concello de Ponteareas.

Representanes da Plataforma na reunión que mantiveron coa presidenta de Augas de Galicia en Santiago

Á Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, reclámalle a Plataforma que “tal e como se comprometeu a súa presidenta na reunión mantida en Santiago o día 13 de novembro do pasado ano”, redacte o proxecto definitivo de saneamento para toda a parroquia, incorporando aqueles elementos propostos polos representantes dos veciños e pola empresa de enxeñería do Concello de Ponteareas. Lembra a Plataforma que na reunión “comprometéronse a que nun prazo de 6 meses estaría rematado o devandito proxecto”.

Doutra banda, reclámase ao presidente CHMS, que faga efectivo o compromiso acadado na reunión mantida cos veciños o 5 de febreiro deste ano “para retirar a prohibición de realizar obras de saneamento en Ribadetea, adoptada polo anterior goberno central no ano 2015”.

E ao Goberno local, pídese que amosen “un apoio explícito e unha determinación activa á realización do saneamento de Ribadetea” segundo o compromiso amosado no Pleno do 18 de setembro do pasado 2018.

Así as cousas, a Plataforma lémbralle a todos os responsables das diferentes administracións, “que somos unha parroquia de 900 habitantes, pola que pasa o río Tea que pertence á rede Natura 2000; pero que sufrimos a contaminación das augas subterráneas e dos nosos regatos, impropias da Europa do século XXI. Unhas lamentables condicións hixiénico-ambientais que é urxente corrixir”.

Pódese dicir máis alto, pero dificilmente máis claro.