Sábado, 3 Maio de 2025

Quico Cadaval e Pablo Castaño luciranse en Ponteareas con ‘Ornitology’

A palabra e o jazz serán os grandes protagonistas esta fin de semana en Ponteareas. Quico Cadaval e Pablo Castaño súbense este sábado 26 de novembro ao escenario da sala multiúsos do auditorio municipal para facer gozar ao público con ‘Ornitology’, un espectáculo a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario partindo dun dos temas máis populares do xénero.

Trátase dunha proposta que, como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, “busca homenaxear a esta peza clásica de Charlie Parker e Benny Harrys favorecendo unha escoita activa por parte dos e das asistentes e convocando a dúas das personalidades galegas máis relevantes nos seus ámbitos: o narrador Quico Cadaval e o saxofonista Pablo Castaño”.

Partindo dun dos estándar de jazz máis populares e tocados ata o día de hoxe, Cadaval dará forma a un relato libre no que transparenta vivencias e curiosidades da vida, mito e personalidade sonora de Parker. Mentres, Castaño complementará as progresións do narrador o seu saxo alto, reinterpretando pasaxes musicais de varios clásicos. Groba anima a toda a veciñanza a achegarse á sala multiusos para mergullarse nun espectáculo “que ofrecerá ao público unha experiencia na que se suceden a improvisación oral e musical con aderezos humorísticos, poéticos, irónicos e virtuosísticos”. A representación será ás 20.00 horas con entrada libre ata completar aforo.