14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas xestionou a limpeza e roza de 138 parcelas en Padróns para...

    Ponteareas xestionou a limpeza e roza de 138 parcelas en Padróns para a prevención de lumes

    O concello tramitou máis de 100 contratos entre a veciñanza e a empresa pública SEAGA no marco do convenio coa Xunta de Galicia e a FEGAMP. A xestión supuxo a roza de máis de 6 hectáreas

    O Concello de Ponteareas xestionou e tramitou o pasado ano 2020 máis dun cento de contratos entre a empresa pública SEAGA e veciñanza da parroquia de Padróns para a limpeza e roza de parcelas situadas a carón de núcleos habitados e a prevención dos lumes forestais.

    Segundo informou a concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Rosa Covelo, os contratos realizáronse no marco do convenio asinado entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e SEAGA. A parroquia de Padróns foi a elixida para poñer en marcha esta iniciativa ao tratarse dunha das máis afectadas pola vaga de lumes do ano 2017. A intención do Goberno Local é estender progresivamente este sistema de prevención dos lumes forestais ao resto das parroquias.

    O pasado verán, o Alcalde Xosé Represas, a concelleira Rosa Covelo e técnicos municipais e de SEAGA mantiveron un encontro coa veciñanza da parroquia de Padróns no que explicaron como acollerse ao servizo de roza e limpeza de parcelas. A concelleira de Medio Ambiente amósase satisfeita co balance dos primeiros seis meses de aplicación do convenio en Ponteareas pois “dende o Concello xestionamos xa máis de 100 contratos que supuxeron a limpeza e roza por parte de SEAGA de máis de 6 hectáreas en 138 propiedades situadas a menos de 50 metros dos núcleos”. Ademais, a campaña de información desenvolvida servíu para que outros moitos propietarios/as limparan as súas propiedades directamente ou contratando os traballos con outras empresas.

    A iniciativa posta en marcha en Padróns permite que os propietarios/as con obriga de limpar e rozar as súas parcelas poidan contratar os traballos á empresa pública SEAGA, mediante o pagamento dunha taxa e en condicións económicas máis ventaxosas ao tratarse dunha empresa pública. O custo está establecido en 35 euros por cada 1.000 m2. As pequenas dimensións de moitas das parcelas fai que os traballos de limpeza resulten pouco rendíbeis para o sector privado e que os prezos de mercado sexan máis elevados, polo que a intervención dunha empresa pública contribúe a que a propiedade poida abordar a limpeza con prezos máis asequíbeis. A concelleira de Medio Ambiente animou aos propietarios/as que aínda non cumpriron coa súa obriga de limpeza a que aproveiten esta oportunidade. Aqueles que aínda non cumpriron coas súas obrigas están recibindo requirimentos para que limpen as súas parcelas e no caso de non facelo poderán ser sancionados. “Agora non hai excusas”, sinalou Rosa Covelo, “e daquí ao verán as parcelas afectadas deberán estar limpas e rozadas e os nucleos de poboación protexidos. Os propietarios poden escoller facelo pola súa conta, con SEAGA ou con outras empresas, pero deixar as parcelas abandonadas non é unha opción”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.