Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas transfórmase coa recuperación do espazo público

O Goberno municipal de Ponteareas fixo balance das políticas de recuperación do espazo público para as persoas e de nova mobilidade que se están levando a cabo nun acto que congregou a numerosos veciños na sala multiúsos do Auditorio Municipal.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asegurou que Ponteareas experimentou nestes anos unha transformación do seu espazo público sen precedentes que contribuíu a mellorar a calidade de vida das persoas, a loitar contra a emerxencia climática, a potenciar a economía e o emprego local, a avanzar na igualdade e a inclusión social e a acadar un enorme dinamismo cultural, deportivo ou de lecer.

A alcaldesa referiuse ás grandes obras de reforma urbana, como a Praza de Bugallal, a Praza Dr. Fernández Vega, a rúa Redondela, San Roque, a contorna do complexo deportivo e centro de saúde ou a rúa Trobador Xoán García, “que fan de Ponteareas hoxe un concello máis atractivo, saudábel e confortábel, cheo de vida e dinamismo cultural, deportivo ou de lecer”. Ademais lembrou que o cambio climático é a maior emerxencia e reto ao que se enfronta á humanidade e que os vehículos a motor son responsábeis dunha gran parte das emisións de CO2 que producen o quecemento global. “O Concello de Ponteareas aborda este reto de forma exemplar con medidas como arborizar a vila coa plantación de centos de árbores en todas as obras de humanización e reducir no centro urbano de xeito espectacular o tránsito innecesario de milleiros de vehículos que danaban a nosa saúde cunha contaminación invisíbel e ruído permanente”. A rexedora lembrou que estas medidas incentivan unha vida máis saudábel: “agora a maior parte da xente deixa o coche nun aparcamento e camiña por un pobo ideal para andar a pé, onde todo está a menos de 10 minutos”. Fernández Davila ligou estas medidas a outras como a rede de calor con biomasa, o cambio de alumeado con tecnoloxía led e o illamento térmico de numerosos edificios municipais, “que axudan a combater o cambio climático”.

A alcaldesa tamén salientou o impacto económico da recuperación do espazo público, con grandes obras que supuxeron un investimento de millóns de euros que moveron a economía e o emprego local, especialmente de empresas de subministración e servizos que foron subcontratadas polas adxudicatarias. Cristina Fernández Davila afirmou que “estamos convencidos de que o comercio funciona mellor cando por diante das súas portas e escaparates pasan persoas en lugar de coches, por iso as rúas atractivas e amábeis son sempre as máis comerciais”. A rexedora vencellou a recuperación do espazo público á recente aprobación do PXOM adiantando que existen xa propostas para crear en breve novos espazos públicos de calidade ligados a proxectos de equipamentos comerciais do sector da alimentación.

Por último, Cristina Fernández Davila incidiu en que “a recuperación do espazo público asegura a igualdade de oportunidades para as persoas, especialmente as máis vulnerábeis. O traballo feito nestes anos está asegurando o dereito das persoas maiores, da infancia ou adolescencia e das persoas con discapacidades ou mobilidade reducida a desfrutar do espazo que é de todos e todas, a socializarse e gañar en autonomía”.

A alcaldesa explicou que “esta transformación completa da realidade de Ponteareas só pode explicarse dende a estabilidade política do goberno municipal e dende a capacidade de diálogo e negociación que permitiu conseguir recursos económicos de millóns de euros inimaxinábeis hai poucos anos. A imaxe de Ponteareas no resto do país mudou por completo para ben e agora máis que nunca estamos orgullosos e orgullosas de sermos de Ponteareas”, concluíu Fernández Davila.

Pola súa banda, o primeiro tenente de alcaldesa e responsable da área de mobilidade, Roberto Mera , explicou de xeito detallado e con imaxes todos os cambios realizados en Ponteareas nestes anos, os seus motivos e os resultados acadados.