Mércores, 13 Novembro de 2024

Ponteareas, sede do Campionato Galego Xuvenil de Hóckey sobre patíns

Celebrarase os días 2 e 3 de abril no pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino

Ponteareas convértese esta fin de semana en sede do Campionato Galego Xuvenil de Hóckey sobre patíns, unha final a catro que permitirá ás e aos ponteareáns gozar de catro interesantísimos encontros este 2 e 3 de abril no pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino.

Organizado polo Hoquei Club Ponteareas en colaboración co Concello, o sábado 2 disputarase a semifinal ás 10.00 horas entre o HC Dominicos e o Compañía de María, mentres que ás 12.00 horas será a quenda do encontro entre o Deportivo Liceo e o AC Órdenes.

Xa o domingo 3, a tarde arrancará cunha exhibición a partir das 15.00 horas entre categorías inferiores do HC Ponteareas e o Vigo Cíes. Ás 17.00 horas os dous equipos que perderon os encontros a xornada anterior loitarán polo terceiro e cuarto posto, mentres que ás 19.00 horas será a gran final.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida “a todas e todos os afeccionados a gozar con estes dous días nos que o hóckey será o gran protagonista en Ponteareas e que nos permitirá unha vez máis reunir na nosa vila a deportistas doutros puntos de Galicia”.