Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas remata a mellora da eficiencia enerxética do centro municipal de Canedo

O Concello de Ponteareas avanza na mellora dos edificios municipais para facelos máis sostíbeis e eficientes enerxeticamente. O Goberno municipal vén de rematar as obras de mellora do edificio que acolle o centro de recursos para as persoas con discapacidade e a Asociación Veciñal de Canedo, uns traballos cos que se renovou a envolvente térmica do edificio e se dotou ao inmoble de climatización para potenciar o confort das instalacións ao tempo que se axuda a reducir as emisións de CO2 de todo o centro.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destaca que “as melloras realizadas nestas dependencias van beneficiar directamente aos usuarios e usuarias das instalacións, tanto á veciñanza que participa nos obradoiros ocupacionais como as persoas que participan na actividade social e cultural do propio barrio, xa que agora contan cun centro moderno e confortábel que abrirá en breve de novo as súas portas”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, destacas que as melloras implementadas no centro “implican un aforro no consumo do edificio do 56%”. Todo grazas, entre outros aspectos, aos traballos realizados de illamento das fachadas e da cuberta exterior e dos falsos teitos, a substitución das carpintarías exteriores, a renovación integral dun dos locais da planta baixa e o acondicionamento da soleira de todos os módulos da planta superior.

Para realizar estes traballos de mellora de eficiencia enerxética, o Concello conseguiu fondos europeos e provinciais para acometer esta actuación. As obras supuxeron un investimento de case 328.000 euros financiados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.