Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas reclama da Xunta información sobre o expediente da declaración das alfombras do Corpus como BIC Inmaterial

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, lembra que a Consellería de Cultura "dispón de toda a documentación para a súa tramitación dende hai dous anos"

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas vén de reclamar da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, información sobre a situación actual de tramitación do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial (BIC) as alfombras de flores do Corpus de Ponteareas. “Xa fai dous anos que entregamos toda a documentación necesaria para que se abrise o expediente pero descoñecemos cal é situación de tramitación actual, así como a valoración da Xunta”, afirmou o alcalde.

O goberno de Ponteareas comezou a traballar na solicitude en 2017 e ao ano seguinte, presentou toda a documentación requerida á Directora Xeral de Patrimonio para a declaración BIC das alfombras florais do Corpus de Ponteareas, “Neste momento, no que non podemos confeccionar as alfombras de flores nin celebrar o Corpus polo coronavirus, a declaración BIC suporía un gran recoñecemento e respaldo para todas as veciñas e veciños portadores desta tradición dende hai case dous séculos” manifestou Represas.

Pola súa longa tradición, polo facer artesanal, por ser unha arte sustentable, por tela capacidade de congregar, ano tras ano, a milleiros de visitantes pero, sobre todo, pola unión das súas xentes e a constancia no seu traballo, a arte alfombrista reúne practicamente tódolos requisitos para ser declarada BIC Inmaterial, segundo recolle o artigo 9.3 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia

Os bens de interese cultural son aqueles bens mobles, inmobles e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia, declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia. Tras a súa declaración ou recoñecemento, inscríbense no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, onde se recollen, entre outros, os datos relativos á súa identificación e localización, así como outros de interese para a súa protección.