O Concello de Ponteareas organiza unha excursión á illa de Sálvora, a menos coñecida de todas as que integran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e un espazo cheo de natureza, cultura, historia e lendas. A saída será o vindeiro domingo 16 de abril e, aínda que está organizada ao abeiro do programa Mocidade Viva, estará aberta a toda a veciñanza.
A saída será ás 08.30 horas dende a estación de autobuses de Ponteareas e incluirá os traslados en autobús, a viaxe en barco dende O Grove, unha ruta guiada polo antigo pobo e visita ao Faro, ademais dunha degustación de mexillóns. A excursión rematará cunha nova ruta polo sendeiro de Pedras Negras, un impresionante paseo cunhas fermosas vistas ao mar. O regreso está previsto para as 20.00 horas.
O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a toda a veciñanza a inscribirse nesta actividade “coa que desfrutar dunha xornada de lecer en plena natureza coñecendo a historia dunha das illas da nosa costa menos visitada, un lugar cheo de encanto e historia”.
O prezo da excursión será de 24 euros por persoa, que incluirá as rutas guiadas, o autobús, barco e degustación. Os nenos e nenas menores de 3 anos irán de balde. Para participar é imprescindíbel inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou no 687 764 516.