Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas pon en marcha un servizo especial de voluntariado para axudar á veciñanza fronte á crise do Covid-19

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Mocidade e Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó, lembra que o Goberno local ten en funcionamento, dende o pasado día 17 de marzo, un servizo especial para axudar ás persoas máis vulnerables nesta crise do coronavirus que, durante o estado de alarma, non poidan saír do seu domicilio para cuestións de primeira necesidade.

Este servizo, que inclúe accións como a adquisición de produtos de alimentación, medicinas ou retirada de lixo das vivendas, está destinado a persoas de avanzada idade, familias monoparentais con dependentes a cargo ou persoas con mobilidade reducida ou patoloxías crónicas.

Todas as persoas que precisen axuda para satisfacer estas necesidades básicas poderán dispoñer deste servizo que xa entrou en funcionamento o pasado martes, 17 de marzo, podendo solicitalo no teléfono 687 764 516, de luns a venres, en horario de 10 h a 14 h e de 16 h a 19 h. As persoas voluntarias cumprirán todas as medidas preventivas para evitar o contaxio e ofrecer o servizo con seguridade.

Miguel Bouzó explica a posta en marcha do servizo

Miguel Bouzó agradece no nome do Goberno local “a colaboración de todas as voluntarias e voluntarios que se poñen á disposición da veciñanza para superar esta crise, así como da asociación Ponte Solidario, que participará na prestación deste servizo en coordinación co Concello”.

O concelleiro responsable da Oficina Municipal de Voluntariado indicou tamén que aquelas persoas que queiran unirse e formar parte do voluntariado para colaborar na posta en marcha destas accións, poderán facelo enviando un correo electrónico coa súa disposición ao enderezo [email protected].