12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas peonalizará a rúa Domínguez Benavides onde se ubica a Escola Infantil

    Ponteareas peonalizará a rúa Domínguez Benavides onde se ubica a Escola Infantil

    Eliminarase un tráfico innecesario que dispón doutra alternativa gañandose o espazo para as persoas e o cento de usuarios/as da Escola

    O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, adiantou a intención do goberno local de peonalizar a rúa Escritor Manuel Domínguez Benavides, onde se ubica a Escola Infantil Municipal. O edil explicou que se trata dunha previsión contida no Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas que se pode levar xa a cabo.

    A rúa Domínguez Benavides ten uns 50 metros de lonxitude e comunica a Avenida de Galicia coa rúa Castañal. O 75% do seu espazo está destinado aos coches e só o 25% a beirarrúas. “Trátase dunha rúa de pequenas dimensións, pero importante ao ser o acceso a dous equipamentos públicos como a Escola Infantil Municipal e o parque da Feira Vella”, explica Mera, quen engade que “esta rúa acolle un tráfico de vehículos de paso que resulta innecesario ao existir a alternativa do Paseo Matutino para realizar o mesmo percorrido”. Ademais, as beirarrúas son estreitas, unha delas, a situada na beira da Escola Infantil conta con tan só 1,20 mts de anchura e non cumpre nin sequera co mínimo de 1,80 mts establecido por lei.

    O concelleiro de Mobilidade sinalou que a rúa será de uso peonil e a ela poderán acceder só os vehículos que se dirixan ao único garaxe existente na rúa, así como os titulares dos establecementos da rúa, servizos de mensaxería, reparto ou carga e descarga que poderán parar na rúa un máximo de 15 minutos diante do seu destino. Tamén poderán acceder nas mesmas condicións os usuarios/as da Escola Infantil cando precisen facelo en vehículo. O sentido de circulación para estes vehículos autorizados será á inversa do sentido actual, é dicir, accederase dende a rúa Castañal e sairase pola Avenida de Galicia.

    Mera explicou que con esta medida “continuamos avanzando na recuperación do espazo público para as persoas, convertendo lugares acaparados até agora polo vehículo a motor en espazos seguros e cómodos para o desprazamento a pé, a estancia e a convivencia das persoas, nunha zona á que acuden un cento de nenas e nenos coas súas nais e pais a diario”.

    Ademais, trátase dunha acción que contribúe á “redución do tráfico urbano e da contaminación ambiental e acústica, mellorando a seguridade vial, dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel marcados pola ONU e cos que o Concello está comprometido”. A peonalización realizarase con sinalización, pero a intención do goberno é redactar o proxecto de humanización da rúa integrándoo co proxecto de reforma do Parque da Feira Vella.

    A proposta foi comunicada aos residentes, titulares de establecementos, usuarios da escola infantil, grupos políticos e outras asociacións como as de comerciantes ou ADENCO para formular suxestións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.