Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas participa no encontro da rede española de Cidades das Nenas e dos Nenos

O Concello de Ponteareas vén de participar no encontro virtual da Rede Española da Cidade das nenas e dos nenos, proxecto internacional promovido polo psicopedagogo, pensador e debuxante italiano Francesco Tonucci. A través do concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, Ponteareas intercambiou con ducias de vilas e cidades españolas as experiencias centradas nas nenas e nenos que se puideron realizar nas cidades e vilas da rede en tempos de pandemia.

O concelleiro destacou a importancia que ten para o Goberno local o benestar das nenas e dos nenos, polo que é fundamental a súa participación e opinión. Con este obxectivo, durante o confinamento convocouse unha nova sesión do Consello da Infancia e Adolescencia, para consultar como estaban vivindo as nenas e nenos a situación de pandemia e as súas propostas para a volta á actividade.

“Ademais de facilitarlles recursos lúdico-educativos durante o confinamento, no marco da recuperación do espazo público para as persoas, facilitamos novos espazos seguros para o lecer da infancia na desescalada, coa creación de espazos seguros como o da rúa Fernández Vega ou a apertura dunha ciclovía no entorno do Parque da Perillana, así como coa renovación de diversos parques infantís na vila e nas parroquias” expuxo Miguel Bouzó.

As cidades e vilas participantes neste encontro coincidiron na necesidade de seguir apostando dende as institucións pola recuperación dos espazos públicos como zonas seguras para o lecer das e dos máis cativos, na liña marcada polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).