Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas ofrece axuda á veciñanza para a tramitación de subvencións

Durante este último mes téñense publicado distintas subvencións por parte das Administracións Públicas, co obxectivo de facilitar diferentes actuacións aos veciños e veciñas. Por ese motivo, dende a concellería de Emprego e Formación, que dirixe a socialista Vanesa Fernández, estase a prestar axuda a todas as persoas que queren informarse ou saber como tramitar ditas subvencións.

As últimas convocatorias que teñen saído son para proxectos de mellora enerxética, axudas dirixidas a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora, así como para o mantemento do autoemprego para as persoas emigrantes retornadas.

Tamén destacan as medidas complementarias de apoio a empresas e persoas autónomas pola pandemia da COVID-19, pola que se aproba un procedemento excepcional e temporal durante os exercicios 2021 e 2022 para a concesión de aprazamentos e/ou fraccionamentos do pago de débedas derivadas do reintegro e/ou reembolso de axudas ou de préstamos concedidos pola Administración Xeral do Estado.

Sen dúbida algunha, afirma Vanesa Fernández, “a subvención que está a despertar máis interese na cidadanía é o Programa Renove de electrodomésticos”, que subvenciona a adquisición de frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavaplatos e encimeiras de indución total. O importe da subvención pode chegar ao 25 % do prezo do electrodoméstico, 50 % ou 75 %, dependendo do tipo de consumidor.

Como esta subvención esixe a presentación por medios electrónicos, dende a Concellería que dirixe Vanesa Fernández estanse a poñer todas as facilidades necesarias para poder optar a esta subvención. “Calquera veciño ou veciña interesada pode poñerse en contacto coa Axente de Emprego e Desenvolvemento Local que lle resolverá cantas dúbidas teña”, afirma a concelleira socialista.