Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas mellorará a eficiencia enerxética e conservación da antiga escola unitaria e casa do mestre de Guillade

O Concello de Ponteareas dá novos pasos na súa aposta por instalacións máis sostibles e pola recuperación paulatina de espazos nas súas parroquias. O Goberno municipal acaba de sacar a contratación as obras de mellora da eficiencia enerxética da antiga escola unitaria e da casa do mestre en Guillade, unhas instalacións que estaban a empregarse pola veciñanza como biblioteca municipal e centro social.

“Queremos recuperar e conservar este espazo que, aínda que tivo varias obras pequenas de mantemento, precisaba unha reforma maior para evitar o seu deterioro e que veciños e veciñas poidan empregalo de xeito continuado”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

As obras previstas consistirán na impermeabilización dos muros da fachada en contacto co terreo, o illamento térmico, o lavado e acondicionamento exterior de fachadas, a reparación e substitución da estrutura e o material de cuberta, o cambio de carpintarías exteriores, a demolición de tabiques no vestíbulo e de falso teito na zona de biblioteca, pavimentación interior, construción de aseos e dotación de instalación eléctrica e iluminación. Con estas melloras conservarase a envolvente, cuberta, fachadas e carpintaría “para evitar o deterioro interior para o seu futuro uso como equipamento municipal”.

Os traballos saen a contratación por máis de 164.000 euros e terán un prazo de execución de dous meses. Este investimento estará cofinanciado con case 84.000 euros polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e con preto de 61.000 euros polo programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para la Transición Ecológica do Goberno de España. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de febreiro.