Luns, 10 Febreiro de 2025

Ponteareas mellora a seguridade viaria en Montes de Abaixo, Nogueira

A concellería de Vías e Obras do Concello de Ponteareas, que dirixe Chus Garrote, du conta dos traballos de pavimentación do vial que discorre entre Montes de Abaixo, en Nogueira, e a estrada provincial EP-4005, unha obra que se enmarca dentro do planeamento de mellora da rede de estradas e pistas municipais.

Este plan contempla ademais das reparacións das estradas xa pavimentadas, a pavimentación completa das pistas de terra sempre que sexa preciso para mellorar o servizo ás e aos cidadáns.

Estas obras, realizadas por unha empresa comarcal, tiveron un custe total de 43.692,08 € (IVE incluído) e permitiron a mellora da capa de rodadura en 825 metros, distribuídos nun tramo principal de 641 metros e un ramal de 184 metros de lonxitude.

Financiadas con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, as obras contemplaron a limpeza previa das marxes e a apertura de cunetas ao longo de todo o tramo, tanto do principal como do ramal.

“Damos cumprimento así a unha demanda da veciñanza da zona ao estar a via moi deteriorada e podemos adiantar que nos vindeiros meses procederemos á mellora e pavimentación doutros viais en distintos puntos do concello”, explica a concelleira Chus Garrote.