Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas licita as obras de substitución do céspede artificial do Estadio Municipal ‘Alfredo Bautista Alconero-Rey’

A Concellaría de Deportes de Ponteareas, que dirixe en funcións Miguel Bouzó, deu conta da publicación da licitación das obras de renovación do campo de fútbol de céspede artificial do Estadio Municipal de Ponteareas, ‘Alfredo Bautista Alconero-Rey’.

As obras, licitadas por un importe total de 209.198,62 €, consisten na retirada do céspede artificial existente, na reparación do aglomerado asfáltico para corrixir deficiencias na planeidade existente do terreo de xogo, na instalación dunha base elástica con granulado de caucho sintético e na instalación do novo céspede artificial de última xeración. Ademais, inclúe a montaxe de bordes e a instalación dun novo marcador electrónico de alta visibilidade.

O concelleiro de deportes en funcións lembrou que “un campo de fútbol co céspede artificial en mal estado supón un grave risco para a integridade física das persoas deportistas que o empregan, ao multiplicar o risco de lesións.”

Miguel Bouzó indicou que “con esta actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, substituímos un céspede que foi instalado hai case catorce anos, e cuxo uso intensivo e mantemento deficitario durante unha década provocou o seu mal estado nos últimos anos, pondo fin anticipado da súa vida útil”.